Tomiño farase cun camión con guindastre para continuar implantando o plan de compostaxe

Tomiño farase cun camión con guindastre para continuar implantando o plan de compostaxe

Tomiño continúa coa implantación do plan de compostaxe no marco do Revitaliza, impulsado pola deputación de Pontevedra. Estando previsto que no primeiro trimestre do ano conclúa xa o reparto dos composteiros individuais e a instalación dos comunitarios, o Concello decidiu levar a cabo a adquisición dun camión dotado con guindastre.

O vehículo servirá para prestar servizo na recollida dos restos de poda que a veciñanza poderá depositar nos Puntos Verdes, que constituirán puntos de intercambio de materia orgánica situados nas distintas parroquias e que se irán habilitando nos próximos meses. A partir da trituración deses restos da poda crearase obterase o estruturante preciso para os composteiros e poderá ser recollido polos veciños e veciñas neses mesmos puntos para que o poidan usar nos seus.

A compra do camión foi adxudicada á empresa Volvo Group España, SAU, por un valor de 126.445,00 euros, que correrán a cargo da subvención recibida polo Concello da Deputación de Pontevedra para este plan.

Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, despois de consultar co persoal municipal que se adica a labores de mantemento e loxística, decidiuse comprar un camión o máis grande posible e con guindastre —o modelo escollido conta cunha carga útil de 6.509 kg— co fin de que sexa versátil e se poida empregar para outras necesidades do concello. “Isto débese tamén a que en Tomiño, en vez de comprar unha trituradora para a poda grande que manexara o persoal municipal, apostamos pola compra de varias trituradoras pequenas que os veciños poidan pedir prestadas para fabricar o seu propio estruturante na casa. Desde o Concello ademáis habilitaremos un curso de formación para que os usuarios interesados saiban como utilizalas”, comenta a concelleira.